Archive for the ‘Noticias’Category

SUSPENSION DO “SIMULACRO DE EMERXENCIA” NA PLANTA DE GAS LICUADO DA RIA DE FERROL

Achegamos a seguinta NOTA DE PRENSA: Avaliación da suspensión do “Simulacro de Emerxencia” na Planta de gas de Reganosa e Forestal que recibimos hoxe do CCE (Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (GALICIA)

A Xunta de Galicia decidiu aprazar o simulacro de emerxencia ante un posible accidente na Planta de gas de Reganosa e na empresa Forestal do Atlántico, diante da alerta laranxa costeira decretada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, argumentando que podería darse “ a posibilidade de que os efectivos do operativo, protección civil, bombeiros e policías, foran requiridos para atender á poboación ante posibles incidencias que se puideran producir como consecuencia do temporal”.

Con esta decisión a Xunta de Galicia deixa ao descuberto o Plan de Emerxencia, pois demostra que se carece do operativo capaz de actuar nesta situación. ¿Acaso no son estas circunstancias nas que se require do plan de emerxencia e da cobertura necesaria para actuar? ¿Ou é que un accidente tanto na Planta como en Forestal, só puidera producirse en dias de sol, sen vento e en circunstancias meteorolóxicas normais?.

A historia de accidentes na zona, (Prestige, Mar Exeo, etc.) indícannos que sempre ocorreron en condicións climatolóxicas extremas. Se de verdade preténdese comprobar a posibilidade real e a efectividade da coordinación dos medios que deben atender a todos posibles incidentes que poidan ocorrer nun momento dado, hai que realizalos nestas condicións.

A planta de gas de Reganosa que almacena 150.000 Tons de GNL, situada a carón do complexo petroquímico de Forestal con mais de 280.000 m³ de combustibles e produtos químicos, é unha instalación ilegal que dende a súa posta en marcha hai catro anos moi preto aos núcleos de poboación, supón unha ameaza para a vida de miles de persoas que vivimos na contorna da Ría de Ferrol.

Non se entende como é que unha empresa como Navantia, para atender a posibles incendios menores nos barcos en construción e/ou reparación, dispoña dunha dotación de bombeiros e de medios materiais, mentres que Reganosa, teña que esperar a que os bombeiros do concello de Ferrol, Navantia ou a Armada se despracen até Mugardos para atender os posibles incendios derivados de fugas de gas.

De sobras é coñecido que a efectividade da loita contra un incendio, depende do tempo que transcorre desde o inicio até a intervención efectiva. Nun tempo de desprazamento de mais de 20 minutos (Ferrol – Mugardos) un incendio pode alcanzar dimensións totalmente incontrolables.

Hai escasos dias en nota informativa, a Xunta de Galicia pretendía transmitir a veciñanza “tranquilidade “ ante o primeiro simulacro, a súa suspensión amosa que nada se fixo durante catro anos, a poboación se atopa inerme diante da ameaza da planta de gas. En realidade nada novo, o negocio dos promotores de Reganosa é, tanto para esta como para unha administración insensata e temeraria como a Xunta de Galicia, máis importante que a seguridade das persoas.

O Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa é un documento virtual co que Reganosa e a Xunta de Galicia pretenden facer crer á poboación que non ten nada que temer. Un plan á medida para que a instalación aparentemente encaixe no espazo dispoñible en Punta Promontoiro, pero totalmente inútil e inservíbel para a poboación en caso de explosión ou fuga de gas. No caso de accidente non hai Plan de Emerxencia que evite unha Traxedia.
Por iso o CCE esixe de novo o peche da actividade da planta de Reganosa e a apertura do subministro de gas a Galicia por gasoduto, tal como viña sucedendo ata o 2007, pois teñen a capacidade suficiente para subministrar gas, tanto aos ciclos combinados como para consumo industrial e doméstico.
Ferrol a 23 de Decembro de 2011

24

12 2011

SIMULACRO DE EMERXENCIA en MUGARDOS


No caso de accidente non hai Plan de Emerxencia que evite unha Traxedia

Achegamos comunicado PLATAFORMA DE VECIÑOS O CRUCEIRO DE MEHA (MUGARDOS) sobre o simulacro de emerxencia previsto para hoxe venres día 16 de decembro.

Cunha nota informativa, a Xunta de Galicia pretende transmitir á veciñanza “tranquilidade” ante o primeiro simulacro de accidente, que se vai realizar o venres 16 de decembro, CATRO ANOS DESPOIS! da entrada en funcionamento de Reganosa. Sabendo ademais, que ningún plan de emerxencia pode protexer ás persoas desta comarca da ameaza que supón a Planta de gas.

¿Cal foi a actuación de Reganosa e dos organismos públicos, dende a súa entrada en funcionamento?

Reganosa incumpre sistematicamente a legalidade. O Plan de Emerxencia tiña que revisarse cada tres anos. Pero hai máis exemplos disto.
Na noite do 19 ao 20 de abril de 2010 produciuse un incendio no complexo petroquímico de Forestal a 150 m da Planta. Acudiron os bombeiros de Ferrol para sufocalo. O incendio, producíase ao mesmo tempo que o gaseiro Madrid Spirit procedía á descarga de 58.000 Ton de GNL. As condicións de baixamar e noite, impediron ao gaseiro saír da Ria. Non se activou o Plan de Emerxencia, ningún organismo público (Dirección Xeral de Protección Civil, Concello etc.) alertou á poboación.
A raíz deste incidente, na reunión mantida co Director Xeral de Protección Civil en xuño de 2010, afirmou que non era competente no relativo ao tráfico de gaseiros cargados con gas natural licuado. Requiriuselle entón a documentación sobre a súa actuación neste incidente, e até o momento non lle foi entregada.

¿Cal é a capacidade letal de Reganosa?

A planta de gas de Reganosa almacena 150.000 Tons. de gas natural licuado (GNL), un valor enerxético equivalente a 120 bombas atómicas como as lanzadas polo goberno norteamericano sobre Hiroshima, situada a carón do complexo petroquímico – Forestal del Atlántico- que alberga 283.000 m³ de combustibles e sustancias químicas.
Doutra banda, os buques gaseiros que subministran á planta, teñen que transitar pola Ría, o que implica unha altísima probabilidade de que, en caso de emerxencia, o gaseiro quede encerrado no seu interior como nunha ratoeira, ameazando coa súa carga á poboación de Ferrolterra.
O pasado 21 de Novembro, o gaseiro “Arctic Princess” quedaba á deriva fronte as nosas costas. ¿Que sucedería si esta circunstancia se dera co gaseiro cargado e dentro da Ria?. O Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa, tampouco contempla como risco os derivados da navegación de gaseiros cargados dentro da Ría.

¿Cales son as distancias aos núcleos de poboación?

Ao redor da planta, nun radio de 2000 m, viven 7000 persoas. As vivendas máis próximas, que pertencen ao núcleo de Mehá, están a uns 100 m da mesma. Neste núcleo viven 400 persoas. A distancia ao casco urbano de Mugardos é de 900 m, ao Arsenal militar 1200 m, ao centro urbano de Ferrol 1600 m.

¿Cales foron os perímetros de seguridade establecidos en recentes accidentes de gas?.

Lorca (Murcia) Camión–cisterna 20/10/2011 Radio de seguridade, 600m
Ribarroja de Tiria (Valencia) Camión-cisterna (4.000 litros) 27/10/2011 Radio de seguridade, 200 m
Debemos lembrar que a explosión nos Alfaques, dun camión-cisterna cargado con tan só 25 Tons de gas, ocorrido o 11/07/1978, provocou 243 mortos.

¿Cales son as distancias establecidas no Plan de Emerxencia de Reganosa e noutras plantas similares?

O Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa establece unha zona de intervención de tan só 173 m, zona de alerta 213 m, no caso máis desfavorábel. Estas distancias son notablemente inferiores ás obtidas nunha instalación similar como é a planta de Bilbao cuns valores de 1467 m para zona de intervención e de 3049 m para a zona de alerta.
A modo de exemplo, a propia Protección Civil na web da Xunta de Galicia aconsella utilizar a guía informática CANUTEC EGO 2008 que, para un verquido de gas natural licuado NIP 1972, recomenda considerar unha evacuación xeral ata unha distancia mínima de 800 m. Distancia que amplía a 1.600 m si se trata dun incendio nun tanque ou cisterna.

¿Alguén se pode crer que coas distancias de alerta e intervención do Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa, inferiores aos casos anteriormente descritos, a cidadanía queda protexida?

Evidentemente que non, o Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa é un plan á medida para que a instalación aparentemente encaixe no espazo dispoñible en Punta Promontoiro, pero totalmente inútil e inservíbel para a poboación en caso de explosión ou fuga de gas.

¿Que cumpre facer, para evitar unha traxedia?

Hoxe pode constatarse que como proxecto económico, Reganosa resultou un fracaso. A produción non supera o 40%, un custe de sesenta millóns de euros anuais que pagamos a cidadanía a través das tarifas de gas e da electricidade. Non hai motivo algún que poida xustificar manter operativa unha planta de gas, que supón, ademais dunha ameaza para a poboación, un alto custe medioambiental, económico e social.
Polo tanto non cabe outra que o peche da actividade da planta de Reganosa e a apertura do subministro de gas a Galicia por gasoduto, tal como viña sucedendo ata o 2007, pois teñen a capacidade suficiente para subministrar gas, tanto aos ciclos combinados como para consumo industrial e doméstico.

¡Planta de Gas fora da Ria!

15 de Decembro de 2011

PLATAFORMA DE VECIÑOS O CRUCEIRO DE MEHA (MUGARDOS)

16

12 2011

BASTA XA DE IMPUNIDADE. NON A ESTAFA

Engadimos Nota de Prensa do COMITE CIDADAN DE EMERXENCIA (CCE), titulada: “Basta xa de impunidade. Non a estafa”

NOTA DE PRENSA

No seu momento se nos presentou a planta de gas de Reganosa como una instalación ”estratéxica” para Galicia que crearía moreas de empregos, relanzaría a comarca etc. A demanda enerxética que cubriría a planta, ven recollida no convenio confidencial asinado en xullo de 2000 entre os socios de Reganosa e a Xunta de Galicia (Fraga Iribarne), nel se establece o compromiso seguinte: Endesa e Fenosa construirían 4 ciclos combinados, que consumirían 2.000 millóns de m³/ano, o grupo industrial de Tojeiro 500 millons de m³/ano, en total o 90% da capacidade inicialmente outorgada a Reganosa.
Catro anos despois, desde a posta en fucionamento da planta de gas, o paro segue medrando, a poboación diminúe, incluído o Concello de Mugardos. A produción media de Reganosa non chega ao 40 % da súa capacidade, a utilización dos ciclos combinados (3) non pasa do 30 %, o grupo Tojeiro non consume nada. E ademais, para colocar a escasa produción da planta, pecharon a entrada de gas por gasoducto que viña subministrando a Galicia antes da posta en marcha de Reganosa.
A planta de gas é unha instalación ilegal, perigosa, que destrúe o ecosisterma da ria, pois o seu funcionamento leva parello a esterilización diaria de centos de miles de toneladas de auga do mar que logo voltan á Ría cun enfriamento térmico de -6 ºC, e sen o plancto do que se alimentan peixes e bivalvos. A ampliación da capacidade de regasificación da planta, tal como pretenden os promotores, incrementaría innecesariamente os impactos na Ria.
Os promotores de Reganosa, co apoio da Xunta de Galicia, perseguen a ampliación da capacidade da planta de gas que, duplicaría a actual, a sabiendas de que as necesidades do consumo actual, nin as previstas no futuro, avalan dita ampliación. É máis, as perspectivas son de baixada do consumo. Si a produción actual de Reganosa non chega ao 40% da capacidade outorgada, ¿Cal é a razón para solicitar esta ampliación?.
A razón non é outra que, conseguir un incremento das retribucións, é dicir, dos beneficios, xa que o sistema gasístico retribúe en función da capacidade de produción, non do que verdadeiramente produza a planta .
Os cidadans e as cidadás, somos os destinatarios finais do pago desta factura.
Para acadar este obxectivo a maquinaria propagandística de Reganosa ponse de novo en marcha. Tenta presentar como un ” agravio” a Galicia, a negativa inicial do Goberno Central de aceptar na planificación enerxética a ampliación. Os promotores ocultan que Reganosa non ten viabilidade técnica nin económica, que os datos de consumo comprometidos no seu momento polos socios eran falsos, e foron utilizados para enganar e obter a autorización por parte da Comisión Nacional da Enerxía.
A planta de gas de Reganosa é innecesaria e mantén pechada a entrada de gas a Galicia a través dos gasodutos desde que entrou en funcionamento a planta. Estes gasodutos posúen a capacidade suficiente para suministrar gas aos ciclos combinados, aínda que traballaran ao 100%, e aportaria o gas suficiente para o consumo domestico e industrial.
En realidade o que pretenden os promotores de Reganosa co apoio da Xunta de Galicia, é aumentar os seus beneficios, a costa de espoliar á cidadanía, para elo teñen que seguir inflando a burbulla enerxética.
Basta xa! das complicidades institucionais e mediáticas. É inaceptábel que se persiga a un colectivo como o dos mariscadores por defender o seu medio de vida, o seu posto de traballo. Na primeira quincena de novembro, nove deles van ser xulgados, acusados de impedir a entrada dos primeiros gaseiros cargados con GNL na Ría. Unha acción promovida polo Comité Cidadá de Emerxencia, e na que participaron centos de persoas. Sendo esta a realidade, a autoinculpación dos membros do CCE foi desestimada ¿Pretendese escarmentar aos mariscadores, para que acepten sen rechistar a destrución da Ria, a perda do seu posto de traballo?. Namentres, os responsables de colocar unha planta de gas no corazón da Ria que, ameaza á poboación de Ferrolterra, os que aceleran a súa destrución, e son exemplo de estafa continuada á cidadanía, seguen actuando con total impunidade.
11 de Novembro de 2011

12

11 2011