SUSPENSION DO “SIMULACRO DE EMERXENCIA” NA PLANTA DE GAS LICUADO DA RIA DE FERROL

Achegamos a seguinta NOTA DE PRENSA: Avaliación da suspensión do “Simulacro de Emerxencia” na Planta de gas de Reganosa e Forestal que recibimos hoxe do CCE (Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (GALICIA)

A Xunta de Galicia decidiu aprazar o simulacro de emerxencia ante un posible accidente na Planta de gas de Reganosa e na empresa Forestal do Atlántico, diante da alerta laranxa costeira decretada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, argumentando que podería darse “ a posibilidade de que os efectivos do operativo, protección civil, bombeiros e policías, foran requiridos para atender á poboación ante posibles incidencias que se puideran producir como consecuencia do temporal”.

Con esta decisión a Xunta de Galicia deixa ao descuberto o Plan de Emerxencia, pois demostra que se carece do operativo capaz de actuar nesta situación. ¿Acaso no son estas circunstancias nas que se require do plan de emerxencia e da cobertura necesaria para actuar? ¿Ou é que un accidente tanto na Planta como en Forestal, só puidera producirse en dias de sol, sen vento e en circunstancias meteorolóxicas normais?.

A historia de accidentes na zona, (Prestige, Mar Exeo, etc.) indícannos que sempre ocorreron en condicións climatolóxicas extremas. Se de verdade preténdese comprobar a posibilidade real e a efectividade da coordinación dos medios que deben atender a todos posibles incidentes que poidan ocorrer nun momento dado, hai que realizalos nestas condicións.

A planta de gas de Reganosa que almacena 150.000 Tons de GNL, situada a carón do complexo petroquímico de Forestal con mais de 280.000 m³ de combustibles e produtos químicos, é unha instalación ilegal que dende a súa posta en marcha hai catro anos moi preto aos núcleos de poboación, supón unha ameaza para a vida de miles de persoas que vivimos na contorna da Ría de Ferrol.

Non se entende como é que unha empresa como Navantia, para atender a posibles incendios menores nos barcos en construción e/ou reparación, dispoña dunha dotación de bombeiros e de medios materiais, mentres que Reganosa, teña que esperar a que os bombeiros do concello de Ferrol, Navantia ou a Armada se despracen até Mugardos para atender os posibles incendios derivados de fugas de gas.

De sobras é coñecido que a efectividade da loita contra un incendio, depende do tempo que transcorre desde o inicio até a intervención efectiva. Nun tempo de desprazamento de mais de 20 minutos (Ferrol – Mugardos) un incendio pode alcanzar dimensións totalmente incontrolables.

Hai escasos dias en nota informativa, a Xunta de Galicia pretendía transmitir a veciñanza “tranquilidade “ ante o primeiro simulacro, a súa suspensión amosa que nada se fixo durante catro anos, a poboación se atopa inerme diante da ameaza da planta de gas. En realidade nada novo, o negocio dos promotores de Reganosa é, tanto para esta como para unha administración insensata e temeraria como a Xunta de Galicia, máis importante que a seguridade das persoas.

O Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa é un documento virtual co que Reganosa e a Xunta de Galicia pretenden facer crer á poboación que non ten nada que temer. Un plan á medida para que a instalación aparentemente encaixe no espazo dispoñible en Punta Promontoiro, pero totalmente inútil e inservíbel para a poboación en caso de explosión ou fuga de gas. No caso de accidente non hai Plan de Emerxencia que evite unha Traxedia.
Por iso o CCE esixe de novo o peche da actividade da planta de Reganosa e a apertura do subministro de gas a Galicia por gasoduto, tal como viña sucedendo ata o 2007, pois teñen a capacidade suficiente para subministrar gas, tanto aos ciclos combinados como para consumo industrial e doméstico.
Ferrol a 23 de Decembro de 2011

About The Author

Administrator

Other posts by

Author his web sitehttp://

24

12 2011

Comments are closed.