OUTRO GASEIRO TIVO QUE ABORTAR A ENTRADA NA RIA DE FERROL

De novo un buque cargado con GNL para Reganosa tivo que abortar o seu intento de entrada na Ría por mor do forte vento

E xa van 12, xa son unha ducia os buques gaseiros, cargados con GNL, os que tiveron que abortar a súa entrada na Ría por mor de causas meteorolóxicas. Estes representan o 20% do total, de 60 buques 12 non puideron entrar na Ría polo mal tempo reinante, fortes ventos fixeron desistir aos prácticos portuarios no seu intento de entrar polo angosto canle de entrada á Ría de Ferrol.

O Catalunya Spirit tiña prevista a súa chegada a Reganosa este Luns 15 de Febreiro de 2010, mais como xa dixemos non puido entrar, o forte vento desta tarde foi o “culpábel”. Mais mañá coincidindo coa pleamar diúrna, único momento no que o buque pode atravesar a canle da Ría e atracar no peirao da regasificadora de Mugardos en Punta Promontorio, vai-no intentar de novo, até conseguir deixar a súa perigosa carga.

Reganosa, ao traer este buque, voltará de novo, coa complicidade da Xunta, dos concellos de Mugardos e Ferrol, do Goberno de Madrid, a aumentar o perigo potencial que xa de por si ten a presencia da planta de gas, instalada no corazón da nosa Ría, ameazando a seguridade e vida das miles de persoas que moramos na súa contorna.

A pesar de que o buque non entrou, o Comité Cidadán realizou a súa acción de protesta, unha acción que pretende avisar á poboación do perigo da presencia dun buque cargado con GNL dentro da Ría, así como para denunciar mais unha vez a instalación da planta de gas dentro da Ría, todo un despropósito: perigoso, irracional e corrupto.

Noticia publicada en: http://artabra21.blogspot.com/2010/02/de-novo-un-buque-cargado-con-gnl-para.html

Polo seu interese achegamos tamen un artigo de Lorena Bustabad, publicado hoxe no xornal El País na súa edición para Galiza.

Reganosa intenta enviar gas a Portugal por Tui

Por Lorena Bustabad – 15.02.2010

A posibilidade de espremer a regasificadora galega, que traballa a medio gas, para fornecer enerxía a Portugal, vai tomando corpo. Gas Natural, que logo de comprar Unión Fenosa controla o 21% do accionariado da planta, despunta como operador independente no mercado luso. Cunha produción de 2,2 millóns de megavatios hora en 2009, pechou un acordo con Reganosa o mes pasado para rendibilizar a proximidade da planta -a 200 quilómetros da fronteira portuguesa- para penetrarse no mercado luso polo Norte. A única regasificadora portuguesa está en Sines, ao sur de Lisboa e esta distancia deixa de ser un competidor para a terminal galega.

Gas Natural xa se asegurou o transporte e a distribución nese país mediante acordos co xestor REN e os operadores Galp e EDP. Esta opción de negocio tamén abre novas vías para Reganosa, que pechou 2009 cun descenso na produción do 26%, mentres a demanda nacional recortábase un 8%. A terminal de Mugardos rexistrou a caída máis acusada das seis plantas da rede estatal.

Proxecto de Feijóo

A posibilidade de explotar unha gran vía gasista de Galicia ao norte de Portugal tamén forma parte do proxecto que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo expuxo ao primeiro ministro luso na reunión que ambos os mandatarios mantiveron a semana pasada en Lisboa. Feijóo reclamou un novo gasoduto de alta presión que José Sócrates se comprometeu a estudar.

A exportación de gas desde Reganosa a Portugal permitirá reabrir o gasoduto de Tui, pechado desde 2008. Por este conduto de dobre sentido, capaz de transportar 23 gigavatios por hora cada día, subía o gas africano a Galicia ata que comezou a funcionar a terminal de Mugardos, en maio de 2007.

O último informe anual de Enagás coloca a terminal de Mugardos ao 35% da súa capacidade. Foi a última en construírse. Tamén a máis pequena e polémica. Abastécese, fundamentalmente, de gas de Nixeria, Alxeria ou Trinidad e Tobago. Os seus opositores, agrupados no Comité Cidadán de Emerxencia, cren que “a planta é innecesaria” e pouco máis que “un proxecto especulativo”. protestaron contra a chegada de todos e cada un dos 58 buques metaneros que atracaron nos peiraos de Reganosa.

Fonte:http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Reganosa/intenta/enviar/gas/Portugal/Tui/elpepiautgal/20100215elpgal_9/Tes

About The Author

Administrator

Other posts by

Author his web sitehttp://

16

02 2010

Your Comment

You must be logged into post a comment.